CRTVG

Buscar

Aumentan as restricións en España e Cataluña volve superar os mil casos

Publicado o 16/08/2020 14:59

Aumento de controis e restricións. Son termos que se impoñen hoxe non só en España, senón en cada vez máis estados europeos con casos de coronavirus á alza en case todo o continente. Xa son 62 os países en todo o mundo que limitan a entrada de viaxeiros procedentes de España e aquí as comunidades da Rioxa e Murcia son as primeiras en activar, este domingo, as medidas propostas polo ministerio de Sanidade. Farano tamén a partir desta medianoite Castela e León e Cantabria, ademais de Galicia, e vanse engadir practicamente todas entre o luns e o martes.

A falta de datos da incidencia do virus en todo o Estado, Cataluña divulgaba hoxe novas cifras, con 1.044 casos de contaxio e 13 novas mortes en 24 horas. Pero aínda que o dato é moi preocupante, Aragón triplica, nas últimas dúas semanas, o número de positivos con respecto a Cataluña por cada cen mil habitantes.

En Barcelona segue o programa de cribado masivo de casos nos barrios máis afectados e hoxe comezaba tamén en Madrid. Carabanchel é o primeiro escenario das probas PCR, que se farán nas seis zonas con maior incidencia vírica na capital. Citaranse cada día mil persoas mediante SMS, pero non todos o teñen claro.

Os médicos madrileños piden reforzos nesta fase crítica. "Está probablemente habendo contaxios comunitarios que non detectamos e que van producir unha repunta moi brusca, que xa se está comezando a ver", sinala Miguel Ángel Sánchez Chillón, presidente do Colexio de Médicos de Madrid.

A primeira hora da tarde, o Goberno de Euskadi comunicaba 610 contaxios máis a unhas horas de que se active o estado de emerxencia nesa comunidade e Andalucía informaba de 455 novos positivos.

Noticias web

16/08/2020