CRTVG

Buscar

Aumentan as reservas vacacionais para xullo e agosto

Publicado o 27/05/2020 21:15

Os hoteis inician a súa desescalada cara a un verán que non terá nada que ver co anterior. Os futuros veraneantes están empezando a espreguizarse.

"Esperamos en agosto ter cheo. En xullo creo que imos facer un bo mes e en xuño dependemos, sobre todo, dos galegos que nos veñan visitar. A partir do 19 teremos aberto o hotel", comenta Yago López, xerente do Noa Boutique Hotel de Oleiros.

Apostan pola clientela máis próxima á espera de ver como reacciona o turismo internacional.

"Un é o perfil local, o do restaurante e da cafetería. Ese mantémolo. Despois a xente da Coruña, que vai vir tamén. E estamos á expectativa do internacional. Se abren as fronteiras, esperamos que en agosto, podemos ter un verán practicamente normal", di Yago López.

Melloran tamén as previsións das inmobiliarias. 

"Tiñamos unhas expectativas moi baixas, moi pobres por mor da pandemia. Pero estamos a notar de mediados da semana pasada ata hoxe un aumento considerable de solicitudes e de reservas", recoñece o xerente da inmobiliaria Incostadamorte de Cee, Juan José Vieites.

O cliente busca zonas de pouca densidade de poboación e proximas á costa.

"Son xente da propia Galicia, xente de Ourense, de Santiago, do interior. Xente de cidades que queren fuxir a zonas rurais", asegura Vieites.

A reserva adoita ser quincenal. Búscanse vivendas unifamiliares con xardín. Hai que recuperar o que nos quitaron marzo, abril e, en menor medida, maio.

Noticias web

27/05/2020