CRTVG

Buscar

Aumentan as hospitalizacións e baixa a idade media dos ingresados

Publicado o 16/07/2021 20:37

Na área sanitaria de Ourense a pandemia segue medrando a un ritmo de 200 contaxios diarios, dous de cada tres menores de 30 anos. E dos 3 ingresados na UCI ourensá, dous non chegan aos 40. Dolores Díaz, médica da Unidade de Infecciosos do CHOU, explica que "unha está intubada e a outra está con lentes nasais de alto fluxo".

A avalancha de contaxios aboca a complicacións en idades insospeitadas hai poucas semanas, unha idea que comeza a callar na mocidade.  Unha moza coruñesa admite: "teño medo. Antes todos tiñamos medo pola xente maior que tiñamos na casa, pero agora mesmo tamén pensamos un pouco en nós". María José Pereira, xefa de servizo de Medicina Preventiva e Saúde Pública do CHUAC, conta que "hai algunha estimación en relación coa mortalidade na poboación nova e falan de que, por cada 10.000 infectados pode haber un caso de falecemento en idades xuvenís".

As recomendacións coñecidas engaden outra: escoitar un pouco máis o propio corpo. A doutora Dolores Díaz avisa que "ante calquera mínimo síntoma debes illarte e facer a proba. Calquera mínimo síntoma, un calafrío, unha tos parva. Se tes eses síntomas e non te decatas e vas tomar algo cos amigos, vas contaxiar o 60% dos amigos que están contigo".

Boiro ten este venres 44 contaxiados máis e Sanxenxo outros 28: só os superan Vigo, Pontevedra e a Coruña. Os hostaleiros temen pagar as previsibles novas restricións. "Non é gañar, é recuperar todo o ano perdido", di un propietario de Vilagarcía.

Por iso propoñen como alternativa a pechar a porta, deixar entrar só clientes libres de covid. Cheché Real, presidente da Asociación Provincial de Hostaleiros de Lugo, pide que "poidan volver abrir con probas, con test de antíxenos, pero poidan volver traballar, hai moita xente xa vacinada". Todo para evitar un verán negro que para moitos sería definitivo.

 

Noticias web

16/07/2021