CRTVG

Buscar

Aumentan as consultas para desherdar fillos de persoas que se senten desatendidas

Publicado o 08/12/2020 12:51

Case 130.000 maiores de 65 anos viven sós en Galicia, e non todos por decisión propia. A emerxencia sanitaria converteunos nun colectivo aínda máis vulnerable, e tamén fixo aflorar as dificultades en que viven algúns deles que, aínda tendo familia, víronse sós e desatendidos. E é por esa razón que agora aumentan as consultas nas notarías para ver de desherdar os fillos.

"A xente maior moita viuse desatendida, con motivo diso os pais danse conta de que os fillos non cumpren cos seus deberes de gratitude, por esa razón si que se fan moitas consultas en relación coa desheredación", di a notaria Alicia Calaza.

Por lei, en Galicia unha cuarta parte do patrimonio dos pais ten que pasar aos fillos. Cancelar esa herdanza lexítima non é sinxelo, pero pode suceder se se proba que houbo maltrato ou que a falta de atención dos fillos provocou danos graves nos pais. Desherdar os descendentes é unha medida extrema, para algúns, igual demasiado. Porén, para outros, sería lóxico e normal.

E ao mesmo que subiron as consultas para ver de sacarlle a herdanza aos que non cumpren, aumentaron as referidas a deixar mellorados no testamento os que si o merecen.

Noticias web

08/12/2020