CRTVG

Buscar

Aumentan as comunidades que piden adiantar o toque de queda ás 20 h

Publicado o 18/01/2021 15:13

O presidente de Castela e León mantén o toque de queda ás oito da tarde, mentres o Tribunal Supremo non se pronuncie sobre o recurso que o Goberno central rexistrou esta mañá. Para Alfonso Fernández Mañueco "é imprescindible a unidade de acción. Pero iso tamén significa que temos que actuar e creo que estamos dando un exemplo importante. O virus non entende de fronteiras administrativas nin de tecnicismos xurídicos".

Na súa defensa saíron outros presidentes autonómicos do PP, como o de Andalucía ou a da Comunidade de Madrid. Isabel Díaz Ayuso considera que "se o Goberno de España vai seguir sen actuar, rogamos que polo menos non moleste. Se non van facer nada, que sigan como estaban".

A medida aplicada en Castela e León tamén conta co apoio doutras autonomías gobernadas polo PSOE, como a Comunidade Valenciana e Castela-A Mancha. Piden máis marxe de manobra ante a pandemia. O manchego Emiliano García-Page cre que é necesario que se modifique o estado de alarma para poder "traballar con outros horarios". Avoga por un acordo de carácter xeral para toda España. "O das oito da tarde sería aceptable para nós", aclarou. 

E ante a polémica, o Goberno insta as comunidades a chegar a un acordo no Consello Interterritorial deste mércores. A ministra Carolina Darias cre que de aí debería saír unha decisión "de consenso" porque, na súa opinión, "decisión unilaterais non nos levan a nada".

Noticias web

18/01/2021