CRTVG

Buscar

Aumenta o número de revisións a vehículos antes do comezo da operación saída de agosto

Publicado o 29/07/2019 13:47

Comprobar que o nivel dos líquidos do vehículo é o correcto, mirar a presión das rodas, o estado das luces e asegurarse de que o coche está provisto do equipamento necesario. Estas son as accións máis repetidas en talleres coma estes nos meses de verán, hoxe, a dous días da primeira operación saída do mes de agosto.

José Ramón Agra, encargado de taller: "Os meses de xullo e agosto adoitamos ter máis carga de traballo, incluso hai xente que adianta os seus mantementos para ir co coche a punto de cara ás vacacións".

José Bastón Xerente de taller: "O mantemento para ir de viaxe estes últimos días notouse bastante".

Os cartos non son unha excusa, así que se aínda están a tempo, vaian ao seu taller para evitar levar sorpresas que poidan amargar as vacacións.

"No noso centro as revisións de viaxe son totalmente gratuitas, salvo que haxa que substituír algo, revisamos luces, niveis, presión das rodas... Normalmente a xente vaise de viaxe e logo ves os coches tirados nas estradas".

Pero cales son os fallos máis habituais aos que nos enfrontamos na estrada?

"Adoitan ser rebentóns polo mal estado dos pneumáticos e subidas de temperatura".

Con todo, nos talleres tamén ven como nos últimos anos o automóbil deixou de ser a primeira opción para desprazarse para moitos, e prefiren decantarse por outros medios de transporte como o avión, animados quizais pola proliferación de aeroliñas de baixo custo.

Noticias web

29/07/2019