CRTVG

Buscar

Aumenta o número de pensionistas en Galicia e a pensión media sitúase en 844 euros

Publicado o 25/10/2019 11:37
Aumenta o número de pensionistas en Galicia e a pensión media sitúase en 844 euros

O número de pensionistas en Galicia aumenta ata os 766.309 en outubro de 2019, un incremento do 0,4% respecto ao mesmo mes do ano anterior, á vez que tamén ascende a pensión media na Comunidade aos 844,03 euros ao mes.   

Con todo, estes datos mostran que a pensión media en Galicia segue por baixo da española, que se atopa nos 994,02 euros, a pesar de aumentar un 4% en comparación á do mesmo mes de 2018, segundo os datos publicados este venres polo Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS).

Desta maneira, as pensións galegas serían as segundas máis baixas de todo o estado, despois de Estremadura (828,02 euros).

Con todo, as contías varían por provincias, coa Coruña á cabeza da lista (888,40 euros de media), seguida de Pontevedra (884,20), Lugo (751,71) e Ourense (730,65).   

Ademais, Galicia conta na actualidade con 479.537 xubilados que reciben unha pensión media de 958,82 euros e é así o grupo de pensionistas máis numeroso.

Por detrás está o subsidio de viuvez, destinado a 186.824 persoas por 602,44€, o de incapacidade permanente (69.838 persoas que reciben 882,56€ de media) e o de orfandade (para 23.520 menores de 25 anos por un importe de 399,91€).   

En total, o gasto en pensións galegas elévase aos 645,82 millóns de euros en setembro de 2019, o que supón un aumento do 4,44% con respecto ao mesmo mes de 2017.

As xubilacións supoñen o maior gasto, acumulando 458,88 millóns de euros, por encima das pensións de viuvez (112,4 millóns de euros), incapacidade permanente (87,97), orfandade (9,49) e as de favor familiar (0,34).   

Por outra banda, a brecha de xénero apréciase en Galicia cunha diferenza de case 365 euros. Os homes reciben rendas de 1.038,61 euros mentres que a das mulleres sitúase nos 673,78 euros. Esta diferenza invístese no caso da pensión de viuvez, da que as mulleres perciben 621,82 euros de media e os homes 422,65.