CRTVG

Buscar

Aumenta ata 180 o número de casos activos de coronavirus en Galicia, 17 máis ca onte

Publicado o 24/07/2020 12:30

O número de casos activos de coronavirus en Galicia aumentou ata os 180, 17 máis que os notificados onte xoves pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade.

É a mesma cifra, 17, de variación de casos no prazo de 24 horas, pero nesta ocasión a evolución é á alza.

Dos 180 contaxios de que dá conta Sanidade, 43 corresponden á área sanitaria da Coruña, dez máis que o xoves; 80 á de Lugo, seis máis; catro á de Ourense, sen variacións; 11 á de Pontevedra, dous máis; 31 á de Vigo, catro máis; dez á de Santiago, un menos, e ningún á de Ferrol, igual que onte.

O número de pacientes hospitalizados ascende a dez, dous máis que o xoves, ningún en UCI e 177 nos seus respectivos domicilios.

Ata a data superaron a enfermidade en Galicia 11.197 persoas e faleceron 619, das cales 274 eran usuarios de residencias de maiores, e o número de PCR realizadas é de 240.281.

Apenas durou unha xornada a situación de cero contaxios nas residencias de maiores, ao transcender nas últimas horas o positivo dun traballador do xeriátrico de Xove.