CRTVG

Buscar

Aumenta a solidariedade e as doazóns nos bancos de alimentos

Publicado o 12/06/2020 20:27

Imaxes coma estas, de persoas amoreadas arredor da nave do Banco de Alimentos de Lugo, dispararon a solidariedade. A estampa da xente en longas ringleiras, agardando para recibir un lote básico de comida, fixo que moitos viran mellor unha realidade que descoñecían e animáronse a colaborar chegando a xuntar en só dez días 34.000 euros en doazóns.

"Agradecémoslles aos medios de comunicación porque transmitiron o problema que tiñamos e tamén á Xunta de Galicia e a os produtores que fixeron manifesta a súa solidariedade. Tamén houbo persoas particulares que achegaron o que podían e grazas a isto tivemos unha relativa abundancia, pero tamén tivemos moita demanda", sinala Edwin José Bueno, coordinador de repartición do Banco de Alimentos de Lugo.

Este Banco de Alimentos de Lugo entrega cada semana unhas 20 toneladas de comida e dende que se declarou o estado de alarma viron como se duplicou o número de familias que se achegan ata aquí demandando comida.

"Practicamente duplicouse a cantidade de persoas. Directamente atendemos unhas 750 ou 800 persoas, pero indirectamente atendemos a unhas 2.000 familias, contando as asociacións que dependen de nós", sinala Edwin José Bueno, coordinador de repartición do Banco de Alimentos de Lugo.

Pasta, fariña e arroz xunto co leite e a froita son algúns dos produtos básicos que compoñen os lotes de comida que reparten semanalmente aos seus usuarios.

Noticias web

12/06/2020