CRTVG

Buscar

O coronavirus deixa cinco novos falecementos en Galicia

Publicado o 03/01/2021 20:41

• Aumenta a presión hospitalaria en Galicia e baixan os casos activos

• Os casos activos descenden en todas as áreas sanitarias, excepto nas de Ourense e Lugo

Os casos confirmados por PCR nas últimas 24 horas en toda Galicia son 269. A cifra de casos activos descende a 5.732. É a primeira vez en seis días que se rexistra unha baixada de casos activos. As probas PCR realizadas nas últimas 24 horas foron menos da metade que o día anterior.

A pesar da baixada dos casos activos, ascenden as hospitalizacións a 311 (+14) e mantense en 57 a cifra ingresados en coidados intensivos.

Nas últimas 24 horas faleceron 5 persoas que foran diagnosticadas por coronavirus: Unha muller de 93 anos da Residencia Santa Teresa de Jornet de Coruña, dúas mulleres de 91 e 86 anos e un home de 94 no CHUS, e un home de 87 anos en POVISA. A cifra total de falecementos en Galicia ascende a 1.414.

Os casos activos descenden en todas as áreas sanitarias, excepto na de Ourense, onde se rexistran 605 (+10). Nesta área soben tamén as hospitalizacións: hai 23 pacientes en planta e 3 en coidados intensivos. Os casos confirmados nas últimas 24 horas por PCR suman 28 (+14). 

Tamén aumentaron os casos activos na área de Lugo: 483 (+8). Os casos confirmados nas últimas 24 horas nesta área sanitaria é de 29, dez menos que o día anterior. As hospitalizacións aumentan a 16 (+2) e a cifra na UCI mantense en 2.

A área sanitaria de Pontevedra reflicte o maior descenso de casos activos de todas as áreas: hai 710 en total (-63). Soben as hospitalizacións en planta a 35 pero baixan os ingresados en coidados intensivos (-3). Os novos casos confirmados por PCR nas últimas 24 horas son 16.

Na área sanitaria da Coruña a cifra de casos activos está en 1.134 (-16). Os casos detectados por PCR nas últimas 24 horas foron 43. Nesta área sanitaria hai 77 hospitalizados (+5) e 18 en UCI (-2).

Os casos activos na área de Santiago baixan a 1.332 (-24). Nas últimas 24 horas detectáronse 57 positivos por PCR. Hai 76 hospitalizados en planta (-3) e 11 en coidados intensivos (+3).

Baixan tamén os casos activos na área sanitaria de Ferrol: 295 (-14). Foron 9 os novos positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas. As hospitalizacións ascenden a 41 e os ingresados en coidados intensivos mantéñense en 2.

Na área sanitaria de Vigo os casos activos descenden a 1.173 (-2). Os novos casos confirmados por PCR nas últimas 24 horas son 87 (+22).

O número de usuarios con coronavirus en residencias de maiores ascende ata os 138 (+4), e o de traballadores descendeu a 100 (-3). A situación máis crítica está no hospital Asilo San Sebastián e San Lázaro (Ribadeo), onde hai 9 casos positivos: 7 usuarios e 2 traballadores.