Aumenta a ocupación en velorios, mercados e congresos
Galicia avanza na desescalada e hai novidades relacionadas cos niveis de ocupación.
Nos mercados na vía pública con menos de 50 postos autorizados poderán estár ao 100%. A ocupación será do 75% nas feiras de entre 50 e 100 postos e nas que superen esta cifra deberá limitarse ao 50%.
Tamén aumenta a acollida en actos e congresos. En interior limítase ao 30% ata un máximo de 75 persoas mentres que en exteriores poderán ser ata 150.
As novidades afectan tamén os tanatorios e os enterros.
"Anteriormente podían estar cinco persoas velando no interior das instalacións e 15 fóra. Agora co cambio pode haber dez persoas no interior dos velorios e 25 nos actos que se fagan fóra", conta Jorge Balado, xerente dun tanatorio.
Entre as novidades tamén está a reapertura de centros sociocomunitarios, cívicos, sociais e de convivencia en todos os concellos coas restricións máis baixas e onde a ocupación será do 30%.
O DOG incorpora tamén a regulación para a realización de procesos selectivos con garantías sanitarias. Os asistentes deberán permanecer sentados e terá que gardarse unha distancia mínima de metro e medio entre eles ata unha capacidade máxima de 250 persoas.