CRTVG

Buscar

Voluntarios de Cáritas en Ourense atenden 250 persoas no seu comedor

Publicado o 21/03/2020 14:25

Neste contexto de illamento social, hai persoas que non teñen un teito baixo o que confinarse nin alimentos que levar á boca. O comedor social de Cáritas de Ourense atende diariamente duascentas cincuenta persoas nesta situación, un labor que é posible grazas ao traballo de numerosos voluntarios.

Este sábado, o menú é carne ao caldeiro. Leonor Batán Fernández, cociñeira: "E despois está o office, onde preparan os bocadillos para a noite, desinfectan as mesas, poñen o almorzo: café, cacao...".

A trasfega no comedor social de Cáritas respecta as medidas de seguridade e hixiene derivadas da pandemia. Persoal e voluntarios traballan por quendas e tamén por quendas chegan ata aquí os usuarios, que entran de a un a recoller a súa friameira.

María Tabarés, directora de Cáritas Diocesana Ourense: "Non pode entrar a xente toda xunta e facemos grupos para, tanto no servizo de friameira coma no de comedor, salvagardar a seguridade tanto dos usuarios coma dos traballadores e voluntarios".

Entre as medidas sanitarias extraordinarias está a disposición do propio comedor. Só se pode comer por quendas dun máximo de 12 persoas e en mesas individuais e separadas por un metro de distancia.

Serven máis de 250 menús cada día. Carlos González Prieto, voluntario: "Moitos deles non teñen casa onde meterse, moitos son estranxeiros, 'se me atopan na rúa pódenme expulsar', unha realidade que non botamos conta do que é".

O parón económico xa está achegando novos dependentes da axuda social. José Ángel Feijóo, delegado de Cáritas en Ourense: "Empeza a aparecer un montón de xente que, de súpeto, quedou sen ningún ingreso e acode a Cáritas e outras entidades sociais para que tratemos de axudalos". A implicación dos voluntarios fai posible este labor, que se complementa con servizos de lavandería e aseo persoal.

Noticias web

21/03/2020