CRTVG

Buscar

Aumenta a demanda de podólogos para dar servizo ás vacas

Publicado o 10/08/2021 20:51

A esta vaca foi preciso colocarlle un zapato de madeira para corrixir unha fisura no pezuño. Se todo vai ben, en poucos días volverá estar a pleno rendemento leiteiro.

É un exemplo do labor dos podólogos de vacún, que teñen que intervir todas as semanas nalgunha explotación para evitar caídas na produción de leite. Malia ser un traballo imprescindible, cada vez escasean máis estes profesionais en parte polo crecemento da cabana galega que fai máis difícil atender todas as granxas.

"É un traballo moi físico e sucio, pero moi satisfactorio. Porque as vacas quedan ben", di o podólogo Luis Ruiz.

"As vacas poden estar ben e de súpeto mancarse. Hai que vixiar as patas todos os días", explica un gandeiro.

En Galicia hai 960.000 vacas, máis da metade delas estabuladas sobre cemento. Nesa superficie é inevitable que os pezuños se resintan e case todos os animais acaban necesitando os servizos dos podólogos. Se antigamente era un traballo moi duro e pouco valorado, hoxe as técnicas avanzaron moito e o labor é máis sinxelo e rápido. Con todo, seguen faltando especialistas e os gandeiros non poden realizar a tarefa.

"Nin sabemos nin tempos tempo. É mellor que o fagan especialistas coma estes", explica o gandeiro Lino López.

"É unha cuestión de práctica e de vontade", afirma Luis Ruiz.

A Xunta de Galicia xa está a organizar cursos formativos para aumentar o número de podólogos co obxectivo de que as granxas non queden sen servizo.

Noticias web

10/08/2021