CRTVG

Buscar

Aumenta a demanda das instalacións fotovoltaicas de autoconsumo, especialmente no rural

Publicado o 31/07/2019 12:24

A demanda de instalacións fotovoltaicas de autoconsumo está a rexistrar un gran incremento en Galicia, especialmente no rural, entre as empresas do sector agrogandeiro, como a adega á que imos ir agora, pioneira en Rías Baixas neste tipo de instalacións.

É o caso desta adega do Rosal, na denominación de orixe Rías Baixas. En 2015 fixeron unha primeira instalación de 30 kilowatios e ante os bos resultados duplicárona ata os 60 quilowatts, que obteñen a partir dos 200 paneis solares instalados no tellado. Permítelles xerar 95 megawatts ao ano, o dobre do que poden asumir pola rede eléctrica e suficiente para cubrir todo o seu consumo en moitas épocas do ano.

Carlos Gómez, propietario de Adegas Valmiñor: "Un día coma hoxe, que está despexado, con boa luz, todo o que estamos traballando, desde as oficinas, contabilidade, ata a elaboración, está todo producido coa enerxía do sol, hoxe non estamos utilizando a rede".

Os recentes cambios lexislativos en favor das enerxías renovables están a aumentar a demanda de instalacións fotovoltaicas en Galicia, permitindo romper con certos tópicos:

David Pintos, director comercial de EDF Solar: "Un é que en Galicia non compensa porque chove moito, e por suposto non é así. O país europeo que máis instala é Alemaña, e por dicilo así a zona máis desfavorable de Galicia ten máis horas de luz que calquer sitio favorable de Alemaña".

Ademais de aforrar na factura da luz, este sistema permitiulles reducir a súa pegada de carbono, evitando a emisión á atmosfera de case que 40 toneladas de CO2 ao ano.

Carlos Gómez, propietario de Adegas Valmiñor: "Cremos que a enerxía fotovoltaica é a máis respectuosa co medio natural e igual que tentamos non ter outros produtos, como terras diatomeas, etc, durante o proceso de elaboración, criamos que isto nos podía facilitar moito o traballo".

Unha aposta polas enerxías renovables que axudará o sector agroalimentario galego a ser máis competitivo e máis respectuoso co medio natural.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

31/07/2019