CRTVG

Buscar

Aumenta a capacidade destrutiva da lava: engule Todoque e cobre 525 hectáreas

Publicado o 11/10/2021 08:49

Comeza a cuarta semana desque se iniciou a erupción do volcán de Cumbre Vieja o 19 de setembro e a situación é máis dramática ca nunca. Os ríos de lava aumentaron a súa capacidade de destrución. Tras o colapso do flanco norte esta fin de semana, a nova coada arrastrou bloques de rocha enormes que arrasaron coas poucas casas que quedaban en pé ao norte de Todoque, un barrio no que vivían un milleiro de veciños e que se dá definitivamente por desaparecido. 

Segundo o Instituto Xeolóxico e Mineiro de España, a nova coada móvese a 700 metros por hora e levou por diante varias naves do polígono industrial máis importante de Los Llanos de Aridane. Todas a olladas están agora postas no barrio de La Laguna, a ver se se libra. 

As nove coadas que se contabilizan neste momento arrasaron xa 525 hectáreas e unhas 1.200 edificacións. En risco están outras 95 casas. 

Segue moi intensa tamén a actividade sísmica, con terremotos e explosións cada quince minutos. Ata 200 sismos esta fin de semana. Moitos deles cunha magnitude superior a tres graos. 

Os expertos tamén están moi atentos á illa baixa creada nos cantís de Tazacorte, que xa ocupa preto de 40 hectáreas. O temor agora é que rompa. 

Pendentes tamén da nube de cinsa que hoxe pode volver condicionar a actividade aeroportuaria. O cambio da dirección do vento previsto para as próximas horas pode levar esa nube cara ao leste e volver non operativos os aeródromos da Palma e de Tenerife. 

Noticias web

11/10/2021