CRTVG

Buscar

Aumenta a 24 o número de falecidos en Haití e na República Dominicana tras o paso da tormenta Laura

Publicado o 25/08/2020 17:58

A tormenta tropical Laura deixou ao seu paso por Haití polo menos unha vintena de mortos, segundo o último balance oficial, ao que habería que sumar os catro falecidos confirmados na veciña República Dominicana, que tamén sufriu os estragos do temporal de choiva e vento.

Os dous países, que comparten a illa A Española, esfórzanse agora por facer balance e recuperar as áreas máis afectadas. O presidente dominicano, Luís Abinader, percorreu o luns algunhas zonas de parte sur do país para comprobar os danos e prometeu axuda aos damnificados, especialmente a quen perdeu a súa vivenda,

A peor parte, con todo, volveuna a levar Haití, onde a Dirección de Protección Civil puido confirmar un balance "parcial" de 20 falecidos, entre eles un bebé e un neno de oito anos. Ademais, hai cinco persoas desaparecidas, incluídos dous menores. As autoridades haitianas estiman que centos de casas sufriron algún tipo de dano como consecuencia do temporal, que complicou tamén o tránsito nalgunhas zonas polas fortes precipitacións.

Menor impacto en Cuba

Laura tamén pasou por Cuba, onde se rexistraron danos materiais e cortes na subministración eléctrica como consecuencia do temporal. O presidente cubano, Miguel Díaz-Canel, aproveitou unha reunión do Consello de Defensa Nacional para instar as autoridades a traballar o máis rápido posible na recuperación de danos.

"Ata o de agora non temos as afectacións que esperabamos", admitiu Díaz-Canel, quen atribuíu este menor impacto de Laura ao feito de que a tormenta se moveu máis ao sur do esperado, segundo o diario oficial Granma.

Laura é agora furacán

Unha vez fóra de Cuba, Laura seguiu o seu avance cara ao golfo de México, xa convertida nun furacán de categoría 1, segundo o Centro Nacional de Furacáns dos Estados Unidos, que confirmou que a tormenta sopra este martes con ventos máximos sostidos de 120 quilómetros por hora. Os meteorólogos prevén que siga gañando forza e que mesmo chegue a categoría 3 antes de tocar terra a finais do mércores ou o xoves de madrugada nalgunha zona próxima á fronteira entre Texas e Luisiana. Os expertos non descartan que o temporal poida estenderse tamén á Florida, segundo a cadea NBC News.

 

Noticias web

25/08/2020