CRTVG

Buscar

Augardentes e licores tradicionais buscan máis presenza na hostalaría moderna

Publicado o 05/02/2018 21:41

As augardentes e licores tradicionais galegos buscan ampliar a súa presenza na hostalaría moderna para dirixirse tamén a consumidores máis novos.Para iso, o alumnado do Centro Superior de Hostalaría de Galicia recibiu hoxe unha clase de coctelería cos nosos espirituosos máis tradicionais.

Unha copa de augardente, un licor café, ou un de herbas para asentar a comida: é unha estampa que se vai perdendo despois de anos de tradición. A modernidade esixe que estes produtos se sirvan dun xeito diferente se queren chegar a outras xeracións de consumidores.

Así o amosou o mestre cocteleiro Adrián Lueiro: "Si que é verdade que agora estase empezando a poñer de moda e incluso dan moitas facilidades á hora de poder manipular o produto: ter unha base de augardente con sabor a pera e xenxibre, como o que fixemos hoxe a poder facer unha escuma de tiramisú ou de arroz con leite".

E niso está o alumnado do Centro Superior de Hostalaría, aprendendo a facelos atractivos para os seus futuros clientes co valor engadido de ser un produto propio, como recoñece Ángel García: "O primeiro é ter nós a nosa conciencia e a calidade do produto. A partir de aí podemos conseguir algo. Non temos que esperar a que veña xente de fóra e doutros lugares para darlles crédito ao noso produto".

O aval do Consello Regulador de Augardentes e licores garante a orixe, a calidade e a salubridade, asegura Xosé Antonio Feijoo, presidente da entidade: "Estes rapaces van ser os prescritores das augardentes e licores. Entón é importantísimo estar aquí. E é fundamenteal darlles outra visión. De seguir por este camiño, os clientes poderán mudar as grandes marcas alleas mesturadas con refresco por un espirituoso do país igual de moderno".

Noticias web

05/02/2018