Audasa non terá que devolver as peaxes cobradas durante a ampliación de Rande
• A Audiencia de Pontevedra estima o recurso da concesionaria da AP-9 contra a sentenza que a condenaba a devolver as portaxes aos usuarios afectados polas retencións
• Entende que non existe unha relación directa entre o pago e as condicións nas que se presta o servizo
Audasa non terá que devolver o importe das peaxes cobradas na AP-9 mentres se fixo a ampliación da ponte de Rande. Tampouco deberá pagarlle unha indemnización aos condutores que sufriron atrasos ou prexuízos por mor dos atascos e retencións rexistrados durante as obras.
A sección primeira da Audiencia Provincial de Pontevedra absolve a concesionaria e nega que incorrese nunha práctica abusiva por cobrar íntegras as peaxes da autoestrada entre febreiro de 2015 e maio de 2018.
Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o ditame anula a sentenza do pasado mes de febreiro emitido polo Xulgado do Mercantil número 1 que condenaba a empresa a restituírlles o importe cobrado de xeito "abusivo" ás persoas afectadas.
Tanto Audasa, como a Fiscalía e a asociación En Colectivo presentaron recurso de apelación. Agora, a Audiencia Provincial estimou o recurso da concesionaria, pero desestimou as reclamacións interpostas polo resto das partes.
O tribunal provincial entende que non poden incluírse no concepto de "prácticas abusivas" as incidencias relacionadas co cumprimento do contrato de uso da autoestrada, e considera que non existe unha relación directa entre o pago da peaxe e as condicións nas que se presta o servizo.
Segundo sinalan os xuíces, a peaxe é fixada pola Administración en función de diversos criterios, como prezo polo uso dun servizo público, neste caso, xestionado pola concesionaria da autoestrada. Por tanto, apuntaron, os tribunais civís non poden exercer un control de razonabilidade sobre as condicións da concesión, nin poden controlar a determinación do prezo.
Tal e como se recolle na sentenza, o prezo que pagan os usuarios da AP-9, por tanto, "non retribúe, en proporción e equilibrio perfectos, a circulación segura e fluída no tramo correspondente". Na resolución da Audiencia tamén se fai constar que, cando se realizan uns traballos necesarios nun tramo da autoestrada, "se toman en consideración todos os factores para a súa execución, especialmente no ámbito económico e financeiro, cos previsibles inconvenientes que pode provocar na fluidez na circulación"
Ademais, engadiron os maxistrados, a obra "desenvólvese baixo a vixilancia e control da Administración" e, por tanto, "non é función dos tribunais civís o examinar a bondade dos acordos relativos ao contrato de concesión, a valoración de se procede a redución das peaxes, en función das condicións en que se presta o servizo, o acordar o seu aumento con carácter extraordinario ou incidir na duración do prazo da concesión".
A Audiencia reiterou que o usuario limita a súa liberdade a "contratar ou non contratar" o servizo que presta a concesionaria, "coñecedor de que, en caso de asumir o contrato utilizando a autoestrada, tanto este como as condicións de uso regúlanse por normas administrativas".
A sentenza anulada
O Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra estimou parcialmente a demanda interposta en 2018 polo Ministerio Fiscal contra Audasa, sociedade do grupo Itínere concesionaria da autoestrada AP-9 Ferrol-Tui, polo cobro "abusivo" de peaxes nesta vía durante as obras da Ponte de Rande. Na súa sentenza, de febreiro de 2020, instou á compañía a "restituír o importe cobrado" aos usuarios afectados por algunha das 81 incidencias de circulación rexistradas entre o 27 de febreiro de 2015 e o mes de xuño de 2018.
Así, o xuíz declaraba "a nulidade destas prácticas abusivas". Esas prácticas consisten, segundo indicaba o xulgado Mercantil, en cobrar aos usuarios "as peaxes de maneira íntegra" cando se producen incidencias na vía cualificadas pola Dirección Xeral de Tráfico (DXT) de grao 'negro', 'vermello' ou 'amarelo', sempre que aos usuarios non se lles facilite a información do estado da estrada coa antelación suficiente para que puidesen optar por outra vía.
Na súa resolución, o xuíz consideraba "indiferente" que as incidencias fosen motivadas directamente polas obras ou por outras circunstancias. "O relevante non é a causa, senón o feito de cobrar un prezo a un consumidor que non recibiu a prestación do servizo e ao que non se lle proporcionou a información necesaria para que puidese tomar a súa decisión", subliñaba.
A asociación En-Colectivo lamentou que a Audiencia Provincial de Pontevedra anulase a sentenza que condenou a Audasa. Esta entidade considera que supón un "pau para os consumidores, ao negarlles o dereito ás indemnizacións aprobadas anteriormente e ao non admitir que o Ministerio Fiscal e asociacións poidan reclamar a Audasa algún tipo de responsabilidade".
Neste sentido, sinalou que a Audiencia de Pontevedra "se ampara nos decretos aprobados polo Goberno para permitir a obra de ampliación da Ponte de Rande a cambio da subida do prezo das peaxes e da prolongación da concesión ata o ano 2048". Con todo, continúa, "estes acordos están actualmente sendo cuestionados en diferentes ámbitos".
Así, esta asociación presentou o pasado ano unha denuncia ante a Comisión Europea por considerar que as prórrogas da concesión da AP-9 a Audasa vulneran a normativa comunitaria. De igual maneira, entende que a resolución do Tribunal provincial é "contraditoria", xa que, mentres "nega a En-Colectivo e ao Ministerio Fiscal a posibilidade de reclamar, abre a porta para estimar reclamacións individuais polos danos ocasionados polas obras, como pode ser un rebentón nunha roda".