Tentan estafar máis dun millón de euros a Audasa mediante un ataque cibernético
Audasa, a concesionaria da autoestrada AP-9, denuncia que sufriu un ataque cibernético co que lle intentaron estafar máis de millón e medio de euros.
Segundo a denuncia que presentou o equipo xurídico da empresa Itínere, a accionista maioritaria de Autopistas do Atlántico, o intento de estafa cometeuse no ano 2018.
Ao longo dese ano detectaron ata tres intentos de operacións fraudulentas, a través da coñecida como fraude do directivo. Unha estafa cibernética que consiste en suplantar a identidade dun directivo da empresa para ordenar operacións financeiras.
Rafa Villaverde, directivo da empresa de seguridade cibernética Infonet, "o que fan é estudar o perfil de empregados da empresa que poden ter acceso aos cartos, e envíaselles un correo electrónico solicitando facer un ingreso a unha conta que habitualmente está nun país estranxeiro e á que é difícil facerlle un seguemento para recuperar o diñeiro".
O ministerio do Interior advirte de que este tipo de fraudes cibernéticas é cada vez máis común, e insiste na necesidade de denuncialos. Os expertos alertan de que o cibercrime é xa un dos negocios máis lucrativos.
Rafa Villaverde, "é unha fonte de ingresos moi rápida, onde se consegue unha gran cantidade de cartos de maneira moi rápida e cun alto grao de impunidade. E as empresas están sendo vítimas".
O caso de Autopistas do Atlántico está en mans da xustiza, investígao un xulgado de Madrid.