CRTVG

Buscar

Audacia, o festival das artes e o emprendemento galego

Publicado o 19/10/2019 14:58

Artes plásticas, danza, música, cinema ou literatura. Todas representan ou reinventan mundos para que os gocemos os demais, pero os proxectos artísticos precisan de viabilidade económica para manterse no tempo. De aí a importancia de que a sociedade o comprenda:
"Teñen que entender que a arte forma parte da cultura. Ten espazo dentro da cultura e que hai moita xente que se dedica profesionalmente a isto. Que a xente que está nos últimos anos dos seus estudos vexa que hai casos de éxito como os que estamos tendo no espazo Inspira. Os convidados que xa son artistas consagrados, con carreiras contrastadas poden explicar como foron os seus comezos, que finalmente son os comezos que a nova xeración de artistas vai ter. " Di Xosé Manuel Aldea, director do Festival Audacia.

Tal é o caso da bailarina contemporánea Janet Novás que esta noite actuará xunto con Mercedes Peón para pechar este encontro. Ela, como todas as creadoras, sabe do esforzo, o estudo e o traballo que hai detrás de cada proxecto e de como ás veces non se valora:
"Que teñas que estar xustificando todo o tempo e contándolle á xente que realmente estás traballando, que lle dedicas tempo. Que isto que facemos hoxe pola noite require moitas horas de traballo, moitos meses e hai moito traballo detrás, do que cando vas ver unha función dunha hora non es consciente". Conta Janet Novás, bailarina contemporánea.
"A xente necesita arte e a cultura no seu día a día. A imaxe, o visual está en todas partes, e hai que afacerse a pagar por iso porque profesionais xa somos, e en Galicia hai moitísima calidade e talento". Insiste Clara Rodríguez, da cooperativa cultural 7H.

Precisamente, aprender a poñer ese talento no mercado, é a outra liña deste encontro, o Audacia Emprende. Aquí os creadores buscan ferramentas que lles permitan chegar a ese público que non coñece a súa obra.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/10/2019