CRTVG

Buscar

Audacia expón propostas artísticas de éxito na Cidade da Cultura

Publicado o 18/10/2019 16:41

Audacia, ese é o denominador común das propostas artísticas que se van presentar hoxe e mañá na Cidade da Cultura de Santiago. Creadores galegos e do resto do mundo compartirán a súa experiencia cos asistentes a este primeiro gran festival das artes contemporáneas e o emprendemento.  

Un proxecto creativo precisa algo máis que pura inspiración.

"É un traballo arduo, longo, de moitísima paciencia, dun investimento de tempo, de diñeiro...", precisa Daniel Canogar, recoñecido autor de videocreacións.

Poñer o foco en todas esas facetas da creación é o que pretenden nesta primeira convocatoria de Audacia, un evento que nace coa aspiración de ser un referente e un punto de encontro para o emprendemento de proxectos artísticos.

"O futuro da xente que esta estudando e se está preparando en ensinanzas artísticas tamén pasa por xuntalo ao mundo da empresa e a economía. Entón aquí queremos traer casos de éxito de emprendedores ou de empresas e proxectos que tiveron ou teñen éxito para que a xente tamén poida valorar iso", di Xosé Aldea, director de Audacia.

Nas dúas xornadas de exposición e reflexión que se celebran hoxe e mañá na Cidade da Cultura participan produtores e artistas recoñecidos coma Oliver Laxe, Miguelanxo Prado, Janet Novás, Daniel Canogar, Carlos Sedes ou Uqui Permui. 

"Buscamos un equilibrio entre persoas de fóra con éxito e relevancia e tamén proxectos feitos en Galicia con éxito e relevancia. Con iso tamén queremos demostrar que desde aquí se pode traballar para o mundo", conclúe o responsable de Audacia.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/10/2019