CRTVG

Buscar

Falece atropelada unha muller de 37 anos nun paso de peóns de Ourense

Publicado o 10/12/2020 14:43

Unha muller de 37 anos faleceu tras ser atropelada en Ourense cando cruzaba un paso de peóns. 

O atropelo mortal foi na rúa Pena Trevinca de Ourense pasadas as nove e media da noite. Algunhas persoas que viron o acontecido quedaron impactadas.

"Eu saín co can e vin o impacto, e foi unha cousa brutal, viña a toda mecha e a rapaza levouna no alto do parabrisas ata que caeu e, en fin, é unha cousa que se poñen os pelos de punta, horrible".

"Calquera morte é horrible, pero, filla, con 37 anos e ademais desa maneira".

Hai un ano unha muller tamén falecía atropelada noutro paso de peóns desta mesma rúa da cidade.
Os veciños lembran ademais máis atropelos neste mesmo punto.

"Eu non sei que falla aquí, porque hai dous anos ou así xa atropelaron unha rapaza que vive nese edificio, estivo na residencia malísima, a ver se poñen un semáforo, porque este paso nin que estivese maldito".

"Aquí houbo moitísimos accidentes e no fan nada, agora foi unha morte e virán máis, só nesta cidade pasa isto"

A veciñanza, indignada, pide solucións.

"Non se ve, aquí hai moi pouca luz neste paso de peóns, entón haberá que tomar medidas, porque xa van bastantes atropelos".

"Coches en dobre fila e ao mellor moitos coches non ven aos peóns que pasamos. Non hai luz, as árbores están sen podar, isto é un desastre, non hai por onde collelo, ata que haxa unha morte non pasa nada".

Piden ademais respecto aos péons, aseguran que moitos condutores non lles paran no paso.

"Este paso de peóns non o respecta, o que vai no coche se sabe que se vai achegando ao paso, porque non aminora a marcha? Ao contrario, entón tes ti que levantar a man e dicirlle alto".

"Iamos pasar unha señora e eu con bolsas, nin caso, pasou tan á présa un que veu de arriba, que iso plánchate".

A muller foi trasladada en ambulancia ao CHUO, onde faleceu. Vivía en Ourense e era natural do Brasil, tiña 37 anos.

 

Noticias web

10/12/2020