CRTVG

Buscar

Morre un cazador atropelado en Monforte á volta dunha batida

Publicado o 16/09/2019 14:11

O accidente rexistrouse, pasadas as nove da noite, no quilómetro 5 da estrada LU-617, á altura da parroquia de Tor. A vítima volvía dunha batida cando lle quedou o coche atravesado na estrada. Debido á escasa visibilidade, outro vehículo bateu contra o seu remolque, que alcanzou o cazador debido á forza do impacto.

"Estabamos na casa e oíuse un ruído bastante forte. Entón fun ata o lugar e xa vin que había un coche atravesado, do cazador, e outro que batera con el. Ao parecer, o coche estaba atravesado na estrada sen luces, segundo dixeron un pai e un fillo que pararon. Fóraselle o coche, ou algo, e nese momento xa impactou o coche con el. Iso foi o que se puido saber aí".

O falecido, José Manuel Fernández, era moi popular entre o colectivo de cazadores de Monforte debido á súa paixón pola caza. Tamén era coñecido por rexentar un bar no barrio monfortino de Morín ata a súa recente xubilación.

"Todo o que diga del como cazador queda curto. El estaba un paso por diante de todos nós. Foi quen nos ensinou a todos a cazar. Como cazador, botariamos días e días falando del. Un fenómeno, de verdade. De feito, a min chamoume xente de toda Galicia, de todos os lados. Foi o noso pai", di Alfredo Fernández, secretario da sociedade de caza Val de Lemos.

"Era coñecido porque era o propietario do bar Morín, que actualmente xa non o rexentaba el. Despois tiña a cuadrilla dos cazadores de Morín. Era moi coñecido por iso e polo negocio".

Hai unha década, o falecido sobrevivira a un disparo de rifle nun accidente de caza.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí