CRTVG

Buscar

Investigan se o accidente dun ciclista en Silleda foi un atropelo con fuga

Publicado o 19/11/2020 18:52

O ciclista ferido, un mozo de 17 anos natural do Milladoiro, estuda o ciclo de condución de actividades físico-deportivas no medio natural no Instituto Pintor Colmeiro de Silleda, onde reside.

Moi afeccionado ao ciclismo, onte saíu practicar este deporte. Antes de ser atopado polo condutor nunha pista próxima ao santuario da Saleta, contactou cos seus compañeiros de piso para alertalos do sucedido.

"Saíu montar en bici e chamounos que tivera un golpe e cando fomos velo xa o estaba levando a ambulancia e pouco máis. O que nos contou seu pai, que escoitou un golpe forte e xa estaba no chan" comenta Rosana, a súa compañeira de piso.

Ao lugar desprazáronse efectivos da Policía Local, Garda Civil e unha ambulancia de Urxencias Médicas do 061 que atendeu o mozo e trasladouno ao Complexo Hospitario de Santiago, onde continúa ingresado, se ben o seu estado non reviste gravidade. "Está estable e están esperando resultados" asegura Rosana, a súa compañeira de piso.

Á espera de que o mozo poida declarar o que lembre do acontecido, esta mañá un equipo do destacamento de Tráfico da Garda Civil investigaba as posibles causas do suceso.

Entre as hipóteses que manexan están que o mozo sufrira unha caída, ou que fora atropelado por un vehículo que posteriormentese fuxiu.

De confirmarse esta segunda posibilidade, sería o terceiro atropelo rexistrado nos últimos días na provincia de Pontevedra nos que os condutores escaparon.

Nos dous anteriores, as vítimas acabaron falecendo, un ciclista en Agolada, que foi concelleiro neste municipio, e unha muller de 78 anos en Vilanova.

Neste último caso, o condutor foi enviado a prisión polos delitos de condución temeraria con manifesto desprezo pola vida dos demais, homicidio imprudente e abandono do lugar do accidente.

Noticias web

19/11/2020