CRTVG

Buscar

Atravesar do Carril a Cortegada a pé, polo camiño do carro

Publicado o 31/08/2019 15:05

Unha lingua de area de 190 metros separa O Carril de Cortegada. Só se deixa ver na baixamar, e por ela, en días coma hoxe, pódese atravesar entre os viveiros de ameixa. Alí, as mariscadoras da asociación Amarcarril, que son tamén guías do parque nacional das Illas Atlánticas, dan a coñecer a historia, a lenda e as particularidades da illa.

"O camiño do carro os que vivían aquí en Cortegada utilizábano para pasar os excesos que tiñan aquí para intercambialos na península, coa xente do Carril. Entón chámase camiño do carro porque tiña a anchura xusta de pasar por un carro tirado por burros, vacas ou bois. Hoxe empregámolo para vir dunha maneira diferente, tradicional, como facían eles, para vir á illa de Cortegada", di Pupe Jueguen, guía de Amarcarril.

A peculiaridade que ten chegar a pé á illa é que obriga a facer o roteiro en dúas horas, antes de que suba a marea se non se quere volver a nado. E din os visitantes, que paga moito a pena.

"Cruzar o camiño do carro pola auga mollándonos é un luxo. E é un luxo estar aquí. Eu non coñecían isto de perto, só de pasar algún día en barco pero sen coñecela aquí e ver estas construcións é espectacular", di unha visitante.

"É unha maneira diferente de chegar aquí. Iso de vir andando, atravesando o mar aproveitando unha marea baixa, é un acceso á illa incrible. Estamos gozando moito da actividade", di outro dos participantes no roteiro.

Xa non quedan carros en que atravesar, nin poboadores nin cultivos na illa. A última xeración de habitantes de Cortegada foi a dos avós de quen hoxe dá a coñecer a riqueza dun espazo de dominio público.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

31/08/2019