Atracan cun coitelo un estanco de Cerceda
O atraco tivo lugar pola tarde, neste estanco situado na parroquia de Rodís, en Cerceda. Un home encapuchado e ataviado cunha máscara cirúrxica entrou no establecemento portando un coitelo de grandes dimensións.
Xa dentro, ameazou a muller que se atopaba tras o mostrador, e levou o efectivo que había na caixa rexistradora. Non se produciron danos persoais, e, polo momento, non transcendeu a cantidade subtraída polo ladrón.
Segundo confirmou a Garda Civil, á saída do establecemento o atracador forcexou con varios veciños que o interceptaron para intentar detelo.
Finalmente logrou fuxir nun vehículo, un Renault Clío de cor azul, en dirección á Laracha. A Garda Civil mantén aberta unha investigación para aclarar os feitos e dar co autor do asalto.