Atraca en Vigo o megaiate Solandge, valorado en 150 millóns de euros

Atraca en Vigo o megaiate de luxo Solandge. Elixiu a cidade olívica como porto de destino para escapar do temporal.
O Solandge, construído en Alemaña, ten 85 metros de eslora e 14 de manga, e todo tipo de comodidades das que poden gozar 16 pasaxeiros, que son atendidos por 32 tripulantes. O seu alugueiro é para petos privilexiados. Custa case un millón de euros á semana.
Este luxo dos mares conta con 5 cubertas, 8 cabinas, unha piscina e bañeira de hidromasaxe, ximnasio, sala de relaxación, ascensor e amplos salóns. Ademais, acolle todo tipo de accesorios para o ocio en mar aberto, como motos acuáticas e un garaxe para a embarcación auxiliar.
Construído en 2013, foi deseñado polo prestixioso deseñador e arquitecto naval Espen Oeino, e pode acadar velocidades punta de 18 nós. O Solandge é o buque máis caro da súa modalidade. Coa súa chegada, Vigo consolídase como porto de destino e refuxio de megaiates de luxo.