CRTVG

Buscar

Un pescador atopa unha virxe de pedra do século XIV no río Sar, en Santiago

Publicado o 15/06/2020 12:24

Unha virxe gótica de granito, que podería datar do século XIV, foi atopada por un pescador no leito do río Sar, nun tramo de pouco caudal, ao seu paso polo barrio compostelán de Conxo.

A Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego, a quen pertence a imaxe do achado, deu conta aos responsables de patrimonio da Xunta, que esta mañá, xunto con técnicos do Concello de Santiago, achegáronse ata a zona para comprobar o estado da peza. A intención é trasladala ao longo do día ao Museo das Peregrinacións, onde será estudada en profundidade para determinar o seu valor patrimonial.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañados por responsables de Apatrigal e do pescador que descubriu a figura, supervisaron esta mañá o inicio dos traballos para recuperar a talla, que representa unha virxe con anxos.

A escultura representa a unha virxe entronizada co neno. Nos seus ombreiros xorden dous anxos e, aínda que bastante deteriorados, aprécianse o rostro e a man de cada un deles suxeitando algún obxecto ou o propio manto da Virxe.

Os investigadores sinalan que se pode tratar dunha talla suspendida, que se situaría  embutida nunha parede, quedando na súa práctica totalidade ao aire.

Obsérvase que tanto a cara da Virxe como a cabeza do neno desapareceron. Probablemente, sosteñen, por un impacto antigo. Na base, ten motivos florais decorativos.