Atopan unha muller de 80 anos que pasou a noite nun monte en Guitiriz
Josefa Pérez Santamariña, unha veciña de Guitiriz de 80 anos, recupérase encamada da mala experiencia que viviu. Saíra para coller castañas nun monte próximo á súa casa, no lugar das Puceiras, cando sufriu unha caída que a deixou inmobilizada toda a noite.
"Si me movía, medio a rastro, que non me podía levantar. Tropecei e caín. Caer, cae calquera", asegura ante a nosa cámara.
Mentres Josefa pasaba a noite á intemperie, activouse un dispositivo de busca para poder dar con ela. Nel participaron efectivos da Garda Civil, da agrupación local de Protección Civil e do GES de Curtis, ademais dos drons da Axencia Galega de Emerxencias e mailos cans da Unidade Canina de Rescate, chegados dende Ferrol. O operativo deu os seus froitos ao localizar a octoxenaria grazas aos seus laios.
Manuel Castro, o marido de Josefa, cóntanos que miraron, pero non encontraron nada. Dediciron entón avisar a Garda Civil. "E aí botamos a noite, ata as dez da mañá que apareceu. Estaba alí agarrada a un piñeiro, no medio duns toxos altos", di.
Jesús Fonte, de Protección Civil de Guitiriz: "Subindo cara a un repetidor de televisión, alá arriba nunha toxeira era onde estaba metida. Atopárona alí porque a señora estaba gritando coma se gruñira. Ao sentiren eses gruñidos, foron ata alí e dérona localizado".
"Foron mirar e eu sentín barullar. Entón chamei por Manolo e xa me sentiron", relata Josefa. "Chamaron por min e respondín que estaba alí".
Finalmente, trasladaron a anciá nunha ambulancia ao PAC de Guitiriz, onde comprobaron que as feridas que sufrira eran superficiais.