CRTVG

Buscar

Aparece morta unha parella nun piso incendiado e investígase como crime machista

Publicado o 15/06/2019 09:23

A policía investiga como crime machista a morte dunha parella en Córdoba. Os corpos apareceron nunha vivenda que estaba ardendo. A princial hipótese é que o home acoitelou á muller e despois se suicidou prendéndolle lume o piso. O agresor xa foi condenado por matar a súa ex-muller en 2002.

Ás once da mañá o servizo de emerxencias recibiu unha chamada pedindo axuda porque saía fume por unha fiestra deste edificio de Córdoba. Axiña acudiron os bombeiros, a Policía Local e Nacional e tamén equipos sanitarios. No interior atoparon os corpos sen vida dun home e unha muller de mediana idade. Ela presentaba feridas de arma branca. O lume estaba só nun cuarto pero o resto da casa estaba chea de fume. O xuíz ordenou o levantamento dos cadáveres. Foron trasladados ao Instituto de Medicina Legal para facerlles a autopsia. A vítima é Ana Lucía da Silva, do Brasil. Tiña unha filla de 16 anos e levaba pouco tempo vivindo en España.

Salvador Ramírez, de 45 anos, estaba en liberdade condicional desde 2017. O xuíz concedeulle o terceiro grao en contra do criterio dos responsables do cárcere onde cumpría condena por matar, a súa ex-muller, en Alxeciras, en 2002. Daquela el tiña 27 anos e a vítima , 22. Todo parece indicar que volveu cometer outro crime machista. Desta volta, a parella apenas levaba uns meses de relación. A policía mantén aberta a investigación, que se complicou polo incendio da vivenda onde apareceron os cadáveres.