CRTVG

Buscar

O corpo atopado no embalse de Asturias é o de unha das mulleres desaparecidas

Publicado o 07/03/2018 00:09

• Trátase de Paz Fernández, desaparecida o 13 de febreiro

• Os investigadores desbotan que exista relación entre os tres 

 

O cadáver achado este martes no encoro de Arbón, en Navia, é o da xixonesa Paz Fernández Borrego, de 43 anos, desaparecida o 13 de febreiro en Navia, segundo informaron fontes da Garda Civil. A investigación céntrarase agora en aclarar as causas da morte.

O corpo foi achado por un veciño de Luarca que estaba a practicar piragüismo na zona e viuno flotar na superficie sobre as 15.30 horas. Foi rescatado ás 19.30 horas da auga e trasladado ao Instituto de Medicina Legal de Oviedo.

O teléfono móbil da muller deu sinal por última vez na localidade de Busmargalí, a 8 quilómetros do centro de Navia onde reservara un hostal para pasar esa noite e a 14 das inmediacións do Hospital de Jarrio onde foi atopado o seu vehículo. Desde Busmargalí ata o encoro hai 14 quilómetros. A Garda Civil iniciou o dispositivo de rescate e identificación do cadáver, trasladándose ao lugar patrullas de Seguridade Cidadá da Compañía de Luarca, Equipo de Policía Xudicial da Garda Civil, e GEAS da 14ª Zona do Principado de Asturias, así como médico Forense para proceder ao levantamento do cadáver.

Doutra banda, os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado continúan investigando a desaparición doutras dúas mulleres, desaparecidas os pasados 1 e 2 de marzo en Xixón e Castrillón, aínda que inicialmente a investigación descarta que haxa un nexo de unión entre as desaparicións.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

07/03/2018