CRTVG

Buscar

Atopan un bebé neonato abandonado nunha caixa de cartón en Culleredo

Publicado o 22/09/2020 13:28

O bebé atópase nunha familia de acollida tras renunciar a nai a súa tutela, segundo confirmaron fontes da Consellería de Política Social, que explicaron que, tal e como establece o protocolo de actuación, os servizos sociais da Xunta se fixeron cargo do menor despois de que a súa nai asinase unha renuncia da súa tutela.

As mesmas fontes sinalaron que o bebé continuará en familia de acollida durante seis semanas, cando se lle volverá a requirir á nai que asine unha segunda renuncia. No caso de producirse, o neno "será dado en adopción".

O pasado 13 de setembro ás 12,40 horas recibiuse na Garda Civil unha chamada para avisar da presenza dunha caixa de cartón cun bebé xunto do polideportivo da localidade de Culleredo. Ao lugar acudiu unha patrulla do Instituto Armado que comprobou que había un neonato que, aparentemente, presentaba "bo aspecto de saúde", sinalaron fontes da investigación.

Tras iso, foi avisado o 061, que o trasladou ao Hospital Materno-Infantil da Coruña. E, no marco das pescudas, foi localizada a nai.