CRTVG

Buscar

Atopan pelos e fibras tras a exhumación do corpo de Déborah Fernández

Publicado o 21/06/2021 14:29

A exhumación o pasado 18 de maio do corpo de Déborah Fernández pode ser clave para aclarar a súa morte. A familia recibiu os primeiros resultados da análise das uñas que se puideron recuperar. Nelas atoparon pelo e fibras, que se cotexarán con outras probas feitas cando atoparon o corpo no Rosal o ano 2002, e as achadas no exame dun conxelador hai dous anos. A familia está esperanzada e fala de neglixencia nas actuacións policiais que se fixeron daquela.

Segundo Rosa Fernández-Cervera, irmá de Déborah Fernández-Cervera: "As cousas fixéronse estremadamente mal, o feito de que aparezan agora pelos e fibras nas mans da miña irmá demostra que non se fixo todo o que se puido naquel día. Malia que todo este proceso teña sido durísimo, nós estamos esperanzados porque pode ser a clave para que se resolva o caso". 

Tamén confían en que a análise do ordenador de Déborah achegue algunha pista. A empresa informática Lazarus Technology traballa para recuperar datos borrados do disco duro e reconstruír os últimos correos electrónicos e chats de Messenger da moza.

"Estamos pendentes de que se cotexen todos eses datos para ver se alguén puido manipular ou borrar información do ordenador, ou se queda algún tipo de rastrexo ou comunicación que ela puidera ter esa tarde", di Rosa Fernández Cervera.

Case vinte anos despois da morte de Déborah, a loita da familia vai dando froitos, como afirma Rosa: "O que vemos é que agora a instrución está a ser máis áxil que ata o de agora, cousa que nos dá un pouquiño de esperanza, porque a verdade é que son probas moi importante, e se chegasen a dar un resultado definitorio poderiamos falar de que estamos cerca de pechar o caso". Un caso que estivo a piques de prescribir este ano e que podería estar preto de aclararse.

Noticias web

21/06/2021