CRTVG

Buscar

O acusado de matar a muller e o fillo en Tenerife pasa a disposición xudicial este venres

Publicado o 25/04/2019 16:44

A Garda Civil chegou ata a cova onde estaban os cadáveres da muller e o seu fillo maior, de 10 anos de idade, seguindo as indicacións do outro fillo, de 5 anos, que conseguiu fuxir a tempo. O pequeno, aínda en estado de shock, explicou aos axentes que os tres saíron co pai de excursión pola zona alta do concello de Adeje e que ao chegar á cova os agrediu.

A muller e os seus dous fillos residían en Alemaña e chegaran a Tenerife esta semana para visitar o pai dos pequenos, que residía no sur da illa. O home, tamén de nacionalidade alemá, foi detido no seu domicilio e, aínda que non recoñeceu os crimes, os axentes puideron comprobar que tiña feridas nas mans compatibles coa agresión relatada polo fillo máis novo.

Non hai constancia de denuncias previas por violencia machista nin maltrato entre a parella. O detido será posto mañá venres a disposición xudicial e o seu fillo permanece baixo tutela das autoridades. O Concello de Adeje decretou dous días de loito oficial e convocou os veciños a gardar este mediodía un minuto de silencio en memoria das vítimas.

 

Noticias web

25/04/2019