CRTVG

Buscar

Atopan os corpos de dous anciáns que levaban mortos varios días nos seus domicilios

Publicado o 24/02/2020 12:19

A falta de resposta ás chamadas telefónicas por parte dun veciño de Arteixo alertou estes dous homes que acostumaban pasear con el todos os días pola zona de Pastoriza. Tras varios días sen conseguir contactar co seu compañeiro, un home de máis de setenta anos que vivía só no seu domicilio, decidiron chamar a Garda Civil.

Cando chegaron ao lugar, os axentes comprobaron que o home non contestaba ao timbre e que o seu vehículo permanecía aparcado no garaxe. Tras isto, solicitaron a colaboración dos bombeiros de Arteixo, que, ao non poder abrir a porta principal, accederon á vivenda a través dunha ventá da fachada. Unha vez dentro, atoparon no chan o cadáver do septuaxenario. Unha ambulancia do 061 acudiu ao domicilio por se fixera falta asistencia sanitaria, pero finalmente o médico forense certificou o falecemento e procedeuse ao levantamento do cadáver.

Este suceso súmase á listaxe dos moitos casos de galegos de avanzada idade que morren sós nas súas casas cada ano. Dende a Administración autonómica ofrecen os servizos de Axuda no Fogar, Teleasistencia e o programa Xantar na Casa co obxectivo de paliar esta problemática na medida do posible.

Morto en Vilalba

A hipótese de morte natural mantense en relación a un veciño de Vilalba (Lugo), unha persoa de 69 anos achado morta no seu domicilio despois de que se avisara de que levaban varios días sen velo. No achado do corpo, o venres nunha vivenda da rúa das Pontes, non se localizaron signos de violencia, segundo confirmaron desde a Benemérita.