CRTVG

Buscar

Atopan o submarino arxentino ARA San Juan un ano despois da súa desaparición

Publicado o 17/11/2018 15:19

Cando se cumpría xusto un ano e un día, da desaparición do submarino arxentino ARA San Juan, a empresa estadounidense que o buscaba, localizou a nave a 800 metros de profundidade.
Os familiares dos 44 tripulantes que ían a bordo recibiron a noticia de madrugada, despois dun ano de angustia e críticas ao goberno pola investigación do sucedido. Arxentina, Cristina Terceiro.


Un 15 de novembro de hai un ano perdeuse a comunicación con este submarino. Nel viaxaban 44 tripulantes, desde Ushuaia a Mar de Plata, e o comandante do San Juan na súa última comunicación informou de que se producira un principio de incendio nun compartimento de baterías pola entrada de auga.


Segundo a Armada este problema foi resolto e o submarino seguiu a súa viaxe, pero non se volveu saber del. Onte, a compañía estadounidense que ía abandonar a busca de forma temporal, decidiu volver revisar algúns puntos documentados e dirixiuse á zona desde a que se comunicou por última vez o comandante. Alí apareceu o ARA San Juan, a 600 quilómetros de Comodoro Rivadavia.


As familias dos 44 tripulantes recibiron a noticia esta noite, un día despois de conmemorarse o aniversario de homenaxe aos seus desaparecidos. Alí esixíranlle ao goberno que non cesase na busca, e esta noite, despois de coñeceren o desenlace, amosábanse moi críticos coa investigación, coa información sobre o "principio de incendio" e coas condicións en que se atopaba o buque.
A xuíza encargada da investigación asegurou que o achado porá fin a un montón de especulacións arredor desta desaparición e que as familias poderán á fin procesar o dó.

Noticias web

17/11/2018