Atopan morto un ancián desaparecido onte en Friol
Publicado o 07/04/2020 16:40
Trátase dun home de 70 anos do que non se sabía nada dende a tarde deste luns. Foi un veciño do finado quen deu a voz de alarma ao 112 Galicia pasadas as nove da noite, preocupado porque non vira o septuaxenario dende as cinco da tarde.
Os servizos de emerxencias deron aviso á Garda Civil, que coordinou un dispositivo xunto a membros da agrupación de voluntarios de Protección Civil de Friol.
A primeiras horas desta mañá localizaron o corpo sen vida do home nun monte do lugar de Rosende, non moi lonxe da súa casa.