CRTVG

Buscar

Atopan morto na casa o pintor Alfredo Labajjo Grandío

Publicado o 08/10/2019 21:10

En Friol atopan morto na súa casa o reputado pintor lugués Labajjo Grandío. Crese que faleceu hai dúas semanas. Os axentes que se presentaron no seu domicilio atopárono sen un brazo. Cren que puido devorarllo o can debido á falta de comida.

Coñecíano como o Picasso galego, pero Labajjo Grandío sempre tivo os pés na terra. Vivía humildemente nunha casa de Vilafiz, en Friol, e pasaba só a maior parte do tempo, dedicado en corpo e alma aos seus cadros.

O taxista que lle levaba a compra cada semana deu a voz de alarma cando levaba días sen saber del: "Alí nós non iamos. Se soubésemos que estaba enfermo, meu Deus... Que el aquí veu moitas veces a esta casa. Era moi bo señor, por certo".

Labajjo era moi apreciado polos seus veciños. Non só pola súa humildade tamén polo seu sentido do humor.

"Temos sorte porque a xente moitas veces compra un cadro para tapar unha fenda porque lle sae máis barato comprar o cadro que tapar a fenda", dicía nunha entrevista en 2007.

Os axentes que atoparon o seu corpo non apreciaron sinais de violencia. Crese que Alfredo Labajjo faleceu hai uns 15 días por causas naturais. Tiña 80 anos. Era un mestre da pintura, pero tamén un bohemio pouco preocupado en promover a súa obra. Os seus cadros son un bo exemplo da nova xeración expresionista. Unha homenaxe á cor e ao divertimento de pintar.

Noticias web

08/10/2019