CRTVG

Buscar

Atopan morta unha nena nun hotel de Logroño, onde súa nai intenta sucidarse

Publicado o 27/01/2020 17:17

A nai da nena de cinco anos que foi achada morta este luns nun hotel de Logroño deixou varias cartas de despedida, que un dos seus familiares entregou á Garda Civil, informaron a Efe fontes da investigación. As cartas, que se atopaban no domicilio deste familiar, entregáronse despois da aparición do cadáver e de coñecerse que a muller tentara suicidarse ao atopala a policía con algúns cortes.

O pai da nena presentou a última hora de onte unha denuncia no cuartel da Garda Civil da cidade rioxana de Haro, onde reside, a uns 48 quilómetros de Logroño, porque a súa muller, da que se atopa nun proceso de separación, incumprira o horario de entrega da menor, o que xa ocorrera con anterioridade en varias ocasións.

Os primeiros datos indican que a nai, duns 36 anos -de nacionalidade española, igual que o seu marido-, e a menor, cuxo cadáver non presenta signos externos de violencia, rexistráronse onte no hotel Los Bracos de Logroño, situado no centro de Logroño. A investigación tamén constatou que, pola tarde, a muller e a nena estiveron coa nai da primeira, á que a Policía trata de localizar.

Ao hotel acudiu a Policía ás 9:30 horas deste luns despois de recibir unha chamada do establecemento, xa que un veciño lles alertara dunha persoa con intencións suicidas nunha das xanelas do hotel. A nai, que saíu a pé do hotel e con signos de axitación, foi trasladada en ambulancia a un hospital de Logroño, indicaron a Efe na Xefatura Superior de Policía da Rioxa, que sinalou que a muller non foi detida. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

27/01/2020