CRTVG

Buscar

Atopan en Nova York decenas de cadáveres en descomposición en camións de mudanzas

Publicado o 30/04/2020 17:00
Atopan en Nova York decenas de cadáveres en descomposición en camións de mudanzas

A policía de Nova York iniciou unha investigación ao se recibiren chamadas de veciños de Brooklyn que se queixaban polo mal cheiro que presuntamente proviña de decenas de corpos almacenados fronte a unha funeraria en camións da cadea U-Haul, normalmente alugados por horas para mudanzas. Os axentes puideron comprobar que estaban en descomposición.

Unha chamada asegurou mesmo que "saía sangue dun dos camións". Como consecuencia diso, os axente acudiron á funeraria, onde o persoal sacaba corpos destes camións de mudanza para logo tratar de situalos nun camión refrixerador ou depósito móbil, segundo indica o xornal dixital amNY.

Unha fonte policial concretou posteriormente a ABC News que dous remolques sen refrixerar no exterior da funeraria de Andrew T. Cleckley contiñan cada un 50 corpos.

Segundo a policía, os corpos estiveron nos camións de alugueiro durante máis dunha semana e estaban nalgúns casos en descomposición.

Os camións refrixeradores están a ser usados por hospitais e funerarias durante a pandemia para manter os corpos en bo estado mentres as familias esperan para poder enterrar os seus seres queridos, en lugar de ter que incinerar os corpos ou de que a cidade dispoña deles se non son reclamados.

Os axentes cren que a maioría dos corpos nos camións fronte á funeraria de Brooklyn son de persoas que morreron polo coronavirus.

Persoal do Departamento de Saúde acudíu ao lugar xunto coa policía. Un portavoz da funeraria indicou á cadea ABC que debido á cantidade de mortes pola COVID-19 quedaron sen espazo no interior do establecemento, aínda que rexeitou concretar cantos corpos ten neste momento. Con todo, negou que haxa corpos nos camións e asegurou que alí colocaron mobles que tiveron que sacar da funeraria por falta de espazo.

O Departamento de Saúde do estado, que regula as funerarias, informou de que foi notificado do problema de almacenamento de falecidos e que "a funeraria está a facer arranxos alternativos". Aínda que a policía dixo que non se cometeu ningún crime, iniciou unha investigación pola cantidade de corpos almacenados sen refrixeración.