CRTVG

Buscar

Achada case momificada unha veciña de Mugardos de 59 anos que levaba dous morta no seu domicilio

Publicado o 11/03/2021 14:38
Achada case momificada unha veciña de Mugardos de 59 anos que levaba dous morta no seu domicilio

Amelia, unha muller que hoxe tería 59 anos, vivía soa no Seixo desde hai uns quince, segundo nos contan veciños do lugar. Os dous últimos, polo visto, morta no chan do seu cuarto.

O aspecto de portas e ventás é de moito tempo sen acción. Dinnos que case non saía da casa, pero nos últimos días alguén chamou a Policía Local de Mugardos alertando do moito correo acumulado na caixa.

Juan Devesa, voceiro da Policía Local de Mugardos: "Fomos ao banco a ver os últimos movemento que tiña na conta, achegámonos ao concello e dixéronnos que hai dous anos retiraran o seu vehículo e empezaron as investigacións máis exhaustivas".

Ese é o tempo que, supostamente, hai que morreu. De momento non transcenderon resultados da autopsia. En colaboración coa Garda Civil, a policía de Mugardos contactou cunha das familiares de Amelia e accederon á casa por unha ventá.

Explica o voceiro da Policía Local de Mugardos: "Dirixímonos directamente ao cuarto, porque a irmá dixéranos que era o lugar onde estaba sempre e alí estaba, non chan, estirada, boca a baixo e nun estado difícil de ver. Nun estado grande de descomposición, nun estado momificado, máis ben".

O carácter, o seu encerramento na casa e o estado de saúde de Amelia axudaron a que non a botaran de menos ata agora no lugar.

"É unha zona moi familiar, a xente pasea bastante pola zona o que pasa que ela, pola súa maneira de ser, non saía moito. Moitos dos veciños nin sabían quen era a dona da casa", di Devesa.

Os que viven máis preto din que de sempre nin respondía cando a chamaban á porta.