CRTVG

Buscar

Atopan dúas balsas salvavidas que confirman o naufraxio do pesqueiro Rúa Mar

Publicado o 26/01/2020 21:45

Continúa a busca do pesqueiro Rúa Mar, con sede no porto de Alxeciras, desaparecido en augas de Marrocos na madrugada do xoves con seis tripulantes a bordo. Ata o momento o rastrexo realizouse en superficie. Nas vindeiras horas comezará a busca na profundidade a través dun sónar e dun robot submarino. Polo momento, localizáronse dous bidóns de aceite e balsas salvavidas, que as autoridades xa confirmaron que pertencen ao barco, polo que o naufraxio se sitúa como a principal hipótese.

As familias agardan con angustia noticias desde hai días, pero nada se sabe dos seis tripulantes do pesqueiro "Rúa Mar", con base en Alxeciras.

Un dispositivo composto por efectivos de Salvamento Marítimo, Garda Civil e Armada Española buscan o barco desde o xoves. No rastrexo atoparon ata o de agora dous bidóns de aceite e dúas balsas salvavidas.

José Pacheco, subdelegado do Goberno en Cádiz: "Necesitabamos confirmar os números de serie das balsas que atopamos coa documentación que tiña o armador e si coinciden".

Na zona permanece un buque da Armada. Durante todo o día sobrevoou o lugar un avión da Garda Civil, que engalou de Málaga, xa que a néboa impediu que o Helimer de Salvamento Marítimo saíse desde Xerez da Fronteira (Cádiz).

Tamén traballan contra o reloxo na instalación dun sónar no buque SAR Mastelero e dun robot submarino no buque Clara Campoamor, cos que levarán a cabo a busca na profundidade nas vindeiras horas, tras o rastrexo en superficie (por mar, por aire e por terra na costa de Marrocos).

José Pacheco, subdelegado do Goberno en Cádiz: "A fase un de buscar por terra, mar e aire, cando digo terra refírome á costa de Marrocos, xa que as autoridades marroquís están a colaborar, segue aberta. Mantense a esperanza de que apareza algún supervivente, pero evidentemente cobra moita máis forza a hipótese do naufraxio".

Na tarefas participan, ademais, oito barcos pesqueiros aos que se lles asignou por parte do centro de control marítimo de Tarifa unha zona de busca.

Noticias web

26/01/2020