CRTVG

Buscar

Atopan coronavirus no aire a cinco metros dun doente

Publicado o 14/08/2020 08:35

Un estudo de investigadores estadounidenses pon en cuestión a distancia de seguridade de dous metros para evitar os contaxios. Os científicos atoparon coronavirus no aire dun hospital a case cinco metros de distancia dun paciente contaxiado.

O estudo, realizado por investigadores da Universidade da Florida, constatou a presenza de coronavirus a case 5 metros de distancia dun paciente contaxiado no cuarto dun hospital.

Os científicos recolleron mostras do aire que había na sala e analizáronas no laboratorio. Conseguiron illar o coronavirus nas mostras tomadas a unha distancia de entre 2 metros e 4,8 metros do paciente, é dicir, un espazo que supera as recomendacións actuais de distanciamento social.

Os investigadores, pois, constatan que esa separación de dous metros non sería útil nun ambiente interior, xa que pode xerar unha falsa sensación de seguridade. O cuarto non tiña ventás, pero o aire renovábase cada seis horas a través dun sistema de filtrado de partículas.

Os resultados da investigación publicáronse nun repositorio de artículos científicos, o que supón que non foron sometidos a revisión por parte doutros expertos, a diferenza do que sucede nas revistas científicas.


 

Noticias web

14/08/2020