CRTVG

Buscar

Atopan a Rosario Porto aforcada no cárcere

Publicado o 18/11/2020 21:19

Funcionarios do cárcere de Brieva (Ávila) atoparon esta mañá morta na súa cela, colgada dun cinto de tea atado á xanela, a Rosario Porto, nai de Asunta Basterra, condenada a 18 anos de prisión polo asasinato da nena.

Fontes penais indicaron que no reconto da mañá, que comeza contra as oito, os funcionarios non botaron en falta a reclusa. Cada día chaman ás celas e abren as portas para que as reclusas baixen a alrmorzar. Nese momento Rosario Porto aínda estaba con vida, vestida e preparada.

Xa no almorzo foi cando a botaron a faltar; a morte debeu producirse, por tanto, entre as 8:10 e as 8:40 horas. 

Ao encontrárena, avisaron o 112, e os servizos de emerxencia practicáronlle manobras de reanimación, pero só puideron certificar a súa morte.

Porto tiña toda a cela recollida, incluídas pertenzas, o cal fai pensar que tiña meditada a súa decisión, segundo as fontes. Na cela que só ocupaba ela non apareceu ningunha carta nin escrito nin tampouco nada sospeitoso ou prohibido.

Rosario Porto non tiña "preso sombra" desde pouco despois de ser trasladada en marzo a este centro penal de mulleres, xa que o equipo de psicólogos determinou que podía facer vida normal co resto de internas nun módulo ordinario, segundo informaron a Europa Press fontes do caso.

Chegou en marzo ao centro penal de Brieva despois de pasar por outros dous en Galicia, o de Teixeiro e A Lama, onde si que se lle aplicou varias veces o protocolo de prevención de suicidios.

 

Baixo vixilancia polo seu estado anímico

Rosario Porto xa tentara suicidarse noutras ocasións. O 12 de novembro de 2018 atou un cordón arredor do pescozo estando na ducha e chamou a voces á súa compañeira de cela para alertala do que estaba a facer; os funcionarios acudiron de inmediato e o episodio terminou aí.

Aínda que non quedou acreditado que quixese acabar coa súa vida, a partir dese momento intensificouse ese protocolo de prevención de suicidios e asignóuselle outra interna de confianza.

Previamente tamén tratara de autolesionarse, e o 24 de febreiro de 2017 foi ingresada no hospital tras inxerir un medicamento que tomaba habitualmente por prescrición médica.

Precisamente por iso, nos distintos centros penais polos que pasou aplicáronselle protocolos  antisuicidio en diversas ocasións, tres meses na Lama e tres en Teixeiro.

O protocolo antisuicidios non se pode manter de forma indefinida xa que implica que o interno estea 24 horas supervisado co que se denomina "preso sombra", normalmente na enfermería. No caso da condenada por matar a Asunta, decidiuse por parte dos psicólogos renunciar ao protocolo debido á evolución favorable unha vez que chegou a Brieva, onde exercía "certa ascendencia" cara ao resto de reclusas pola súa condición de avogada.

Tamén deu mostras de melloría porque se coidaba fisicamente e pedía cremas e outros produtos de beleza e facía vida normal no módulo ordinario que compartía con outras presas, de aí a sorpresa entre os funcionarios e a dirección de Brieva por utilizar unha tea para aforcarse.

Porto foi condenada xunto ao seu marido Alfonso Basterra a 18 anos de cárcere polo asasinato da súa filla adoptiva, cuxo cadáver foi encontrado o 22 de setembro de 2013 nunha gabia de Teo, preto de Santiago.

 

Institucións Penitenciarias investiga o suceso

Institucións Penais abriu unha investigación para esclarecer as circunstancias do achado por parte dos funcionarios do cárcere de Brieva do corpo sen vida de Rosario Porto, segundo informou este organismo dependente do Ministerio do Interior.

Prisións confirmou ás 11:00 horas o falecemento de Rosario Porto. O xulgado de garda e a familia xa foron informados. Fontes de Institucións Penais confirmaron que hai aberta unha investigación para esclarecer o ocorrido.

"Ata que non se coñeza o resultado da autopsia, non podemos dar máis detalles do falecemento", sinalaron.