CRTVG

Buscar

Atopado no río Lérez o corpo sen vida da muller de 47 anos que desaparecera en Pontevedra hai dous días

Publicado o 24/01/2020 20:02

 

Atopado no río Lérez o corpo sen vida da muller de 47 anos que desaparecera en Pontevedra hai dous días
Os servizos de emerxencia acharon este venres no río Lérez, á altura do barrio pontevedrés de Monte Porreiro, o corpo sen vida dunha muller de 47 anos que desaparecera na cidade hai dous días.

O cadáver foi localizado sobre as once e media da mañá, segundo informou o 112 Galicia, por axentes da Policía Nacional xa xubilados que paseaban pola zona.

No rescate do corpo, xunto coa Policía, participaron os Bombeiros de Pontevedra, xa que o lugar no que se atopaba o cadáver da muller era de difícil acceso desde terra.

Os investigadores tratan agora de esclarecer as circunstancias da morte da vítima, xa que o seu cadáver non presentaba signos de violencia.

Á espera dos resultados da autopsia, as primeiras hipóteses apuntan a que o falecemento se puido producir tras sufrir un accidente.

A desaparición da muller fora denunciada durante a noite do mércores pasado, a través da chamada ao 112 Galicia dun membro da familia da muller, que relataba que saíra de casa a tomar un café e non regresara.