CRTVG

Buscar

Aterra en Cabul o primeiro avión que vai a repatriar españois e colaboradores afgáns

Publicado o 18/08/2021 13:46
Aterra en Cabul o primeiro avión que vai a repatriar españois e colaboradores afgáns

EFE

EFE

O avión A400 das Forzas Armadas aterrou xa no aeroporto de Cabul para proceder á evacuación dun primeiro grupo de españois e de colaboradores afgáns, informaron fontes do Ministerio de Defensa. A aeronave, que partiu esta mañá da base aérea Al Minhad de Dubai (nos Emiratos Árabes Unidos), ten capacidade para trasladar a algo máis dun centenar de persoas.

O primeiro grupo de repatriación intégrao o persoal da embaixada en Afganistán, media ducia de españois residentes no país e unha primeira quenda de afgáns e familiares que colaboraron con España durante a misión de paz nos últimos anos.

Unha vez que embarquen, o avión emprenderá voo de volta a Dubai e desde alí regresarán a España, aínda que o Goberno aínda non precisou cando tería lugar a súa chegada.

En Dubai espera un segundo avión militar para despegar cara a Cabul cando reciba permiso por parte do aeroporto da capital afgá, que segue controlado polo Exército dos Estados Unidos a pesar de que os talibáns tomaron o control da cidade o pasado domingo.

O operativo español de evacuación complétase cun terceiro A400 medicalizado que partiu esta mañá da base de Torrexón de Ardoz (Madrid) rumbo a Dubai. 

 

Noticias web

18/08/2021