CRTVG

Buscar

Un atentado talibán nun barrio residencial de Cabul deixa 21 falecidos e 119 feridos

Publicado o 03/09/2019 08:41

Polo menos 21 persoas morreron, entre eles cinco atacantes, e outras 119 quedaron feridas nun atentado talibán en Cabul cun tractor cargado de explosivos preto dun complexo residencial en que adoitan aloxarse contratistas estranxeiros.

Este atentado tivo lugar onte á noite preto de Green Village, un complexo de alta seguridade no leste da capital frecuentado por estranxeiros.

"Na explosión, 16 civís residentes da área e empregados do complexo residencial morreron e 119 civís quedaron feridos", segundo informou nun comunicado o portavoz do Ministerio de Interior afgán, Nasrat Rahimi.

Pouco despois da explosión, a área foi acordoada polas forzas especiais da policía e cinco talibáns que se agochaban na zona e que pretendían entrar no campamento foron abatidos.

As forzas de seguridade rescataron no lugar uns 400 estranxeiros.
Segundo a investigación inicial, o atentado de onte á noite foi causado por un tractor cargado de explosivos que foi detonado contra un muro na zona sur do complexo.

A potente explosión escoitouse a unha decena de quilómetros e causou danos a vivendas situadas no radio dun quilómetro, segundo revelou o portavoz, que engadiu que a explosión desencadeou tamén unha segunda detonación e un incendio nunha gasolineira próxima.

Noticias web

03/09/2019