CRTVG

Buscar

Ataque terrorista na Ponte de Londres "con diversos feridos"

Publicado o 29/11/2019 17:45

• Os axentes mataron o atacante que levaba un falso explosivo no corpo tras seren alertados dun acoitelamento

A policía británica informou de que está a abordar o incidente ocorrido na ponte de Londres como un posible ataque terrorista, aínda que subliña que as circunstancias do suceso "continúan sen estar claras". As forzas de seguridade confirmaron que os axentes dispararon un home tras ser alertados dun acoitelamento, un suceso que deixou "diversos feridos".

O servizo de ambulancias da capital británica declarou que se trata dun "incidente grave" e enviou efectivos ao lugar, incluído un helicóptero medicalizado. O primeiro ministro británico, o conservador Boris Johnson, indicou que se mantén informado sobre o incidente e agradeceu a "resposta inmediata" por parte da policía e os servizos de emerxencia. Espérase que Johnson, que está inmerso na campaña electoral para os comicios do 12 de decembro, regrese ao seu despacho do número 10 de Downing Street, en Londres.

A ministra de Interior, Priti Patel, mostrouse pola súa banda "moi preocupada" polo incidente e expresou que os seus pensamentos "están con todos aqueles afectados". O 3 de xuño de 2017, un ataque terrorista con arma branca no mesmo ponte e no próximo mercado de Borough deixou oito vítimas mortais e 48 feridos. Naquela ocasión, os principais partidos británicos suspenderon temporalmente durante un día a campaña electoral das comicios xerais anticipados que se celebraron o 8 de xuño daquel ano.

A estación de metro de London Bridge quedou hoxe clausurada a raíz do suceso e o xestor do transporte da capital británica, TFL, instou os cidadáns a utilizar roteiros alternativos para desprazarse

Noticias web

29/11/2019