Estragan a mostra do Concello de Santiago para visibilizar a situación dos refuxiados
Hoxe, 20 de xuño é o Día Mundial do Refuxiado, unha data designada polas Nacións Unidas para honrar as persoas desprazadas. Estiman que 82,4 millóns de persoas son migrantes que fuxiron da guerra, a persecución e a violencia, unha cifra sen precendentes que equivale ao 1 por cento da poboación mundial.
Pois xusto nesta data, unha exposición na Alameda de Santiago en memoria das persoas migrantes e refuxiadas apareceu con estragos. A mostra 'Mira con outros ollos' está composta por trece cubos de dous metros de alto que recollen máis de 40.000 nomes de persoas mortas intentando entrar a Europa.
A través dun comunicado, a Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas, que organiza a mostra en colaboración co Concello, considera estes feitos como unha proba máis da "efectividade das campañas de odio, articuladas con mentiras e desinformación".
O Goberno local tamén condenou o ataque. Mañá a xunta de voceiros aprobará "unha declaración institucional de rexeitamento a estes actos de odio".
Outros colectivos, como o Foro Galego de Inmigración, sumáronse á denuncia e repulsa destes feitos.