CRTVG

Buscar

Ata o 19 de setembro, o último solpor da Europa continental vese desde Galicia

Publicado o 27/08/2019 10:38
Ata o 19 de setembro, o último solpor da Europa continental vese desde Galicia

A Costa da Morte é un dos destinos turísticos favoritos dos amantes do mar, pero viaxar agora ás sublimes paisaxes atlánticas de cabo Touriñán ou Fisterra supón, desde o 18 de agosto ata o próximo 19 de setembro, a oportunidade de asistir ao último solpor da Europa continental.

Para gozar deste privilexio en Galicia hai que observar ben o calendario, pois os últimos raios de sol chegan á zona só en dous períodos do ano, ao final do verán, como é o caso, e ao principio da primavera, en concreto, entre o 24 de marzo e o 23 de abril.

Sucede iso nunha faixa duns 20 quilómetros chamada Promontorio Nerio que vai desde cabo Touriñán ata Fisterra, segundo establece un estudo do catedrático de electromagnetismo na Facultade de Física da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Jorge Mira.

Isto ocorre a pesar de non ser o punto máis occidental da Europa continental, pois este é o cabo da Roca de Portugal, pero o fenómeno débese a que como "o eixe de rotación da terra está torto 23 graos e medio con respecto ao eixe de translación ao redor do Sol", a raia que separa o día da noite non vai "na dirección dos meridianos", explica Jorge Mira.

Deste xeito, esta faixa que separa a metade da terra en noite e día inclínase, por exemplo, cara a dentro de Europa na época que vai da primavera ao outono, de modo que "nos puntos que están máis ao norte ponse o sol máis tarde que nos puntos que están máis ao sur, aínda que estean na mesma liña do meridiano", aclarou o físico.

Isto quere dicir que ao longo do ano varía o lugar que ostenta a última posta de sol existindo na Europa continental cinco puntos: dous en Portugal, cabo São Vicente e cabo da Roca; dous en Noruega, Måsøy e Aglapsvik; e o da Costa da Morte.

O artigo de Mira menciona que nos días 24 de abril e 18 de agosto, que corresponden ás transicións entre cabo Touriñán e Aglapsvik, ese último atardecer coincide co último de África continental que se produce preto de Cabo Blanco, na fronteira entre o Sahara Occidental e Mauritania.

A súa investigación fala de que esta situación dáse en cabo Touriñán, o punto máis occidental de Galicia e, de feito, neste lugar do concello de Muxía hai un gran cartel co seu artigo. Isto é debido a que a investigación se fixo o sobre plano, pero, explica Mira, se se considera tamén a altura, a faixa na que se ve o último atardecer vai ata Fisterra, pois desde máis arriba vese o horizonte do sol máis lonxe.

Mesmo desde o monte Pindo, situado no municipio de Carnota, pódese observar o fenómeno, precisa o catedrático, pois desde alí vese a posta de sol a 90 quilómetros, polo que se non se ten en conta soamente o nivel do mar e considérase que hai montañas e sitios elevados, o último punto xa non é exactamente o Cabo Touriñán, senón que son "por uns segundos" o monte Pindo ou Fisterra.

E Jorge Mira desmente a crenza de que o primeiro amencer de España estea na Punta de s'Espero, en Menorca, pois o seu estudo constata, di, que "durante catro meses" a primeira luz do sol vese no cabo de Creus, en Xirona.

Non en balde, non todo é como se cre popularmente, detalla, pois durante anos, prosegue, tamén se situou en Fisterra o punto máis occidental de Galicia, pois o lugar ten o mito de ser a fin do mundo, o 'Finis Terrae', desde a época do Imperio Romano; e agora sábese que esta honra osténtaa o cabo Touriñán. Sexa desde un cabo ou desde o outro, fotografar a última posta de sol do vello continente é posible, ata o 19 de setembro, e na Costa da Morte.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí